ACTUALIDADE

A Plataforma Galega de Voluntariado suma seis novas entidades

·

2 minutos

POR

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026.

A Plataforma Galega do Voluntariado (PGV) celebrou hoxe a súa Asemblea Xeral nas instalacións do centro de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. No encontro, que transcorreu con alta participación, a rede deu un paso máis na súa consolidación como espazo de referencia para a promoción, formación e defensa do voluntariado en Galicia.

A Asemblea marcou un fito no fortalecemento do tecido asociativo galego coa aprobación por unanimidade da incorporación de seis novas entidades: a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Asociación AUXILIA, a Sociedade de San Vicente de Paúl, a Federación de Scouts de Galicia – E.C.G., a Federación ASDE – Scouts de Galicia e a Asociación Diversidades Acolle.

Máis forza e diversidade para o voluntariado galego

Coa entrada destes novos membros —que abarcan desde a defensa do medio ambiente e a inclusión social ata a mocidade e o traballo comunitario—, a PGV reforza a súa representatividade e acolle xa a un total de 34 entidades membro en toda Galicia.

Ademais, durante a xornada presentouse a nova páxina web da PGV, unha ferramenta dixital que está a piques de ver a luz e que servirá para dar visibilidade ao traballo das entidades, conectar coa cidadanía e facilitar o acceso á acción voluntaria en todo o territorio. Do mesmo xeito, avanzouse na organización das actividades do vindeiro Día do Voluntariado, coordinando liñas de acción conxuntas.

“A asemblea de hoxe amosa a vitalidade e o compromiso da acción voluntaria en Galicia. A futura web e a preparación do Día do Voluntariado son pasos fundamentais, pero sobre todo o é seguir medrando xuntas: a entrada destas seis entidades fortalece a nosa voceiría común para defender a independencia do tecido asociativo, promover marcos xurídicos axeitados e impulsar un voluntariado de calidade, con enfoque de xénero e baseado nos dereitos humanos”, sinalou a presidenta da PGV, Lorena Boga García.

Sobre a Plataforma Galega do Voluntariado

A PGV é a rede de entidades de acción voluntaria e participación cidadá de Galicia. Constituída en decembro de 2025 tras a evolución da Plataforma Coruñesa de Voluntariado, ten como misión visibilizar, impulsar e fortalecer a acción voluntaria desde a ética da solidariedade, a transformación social e a igualdade de xénero. A PGV actúa como interlocutora ante administracións e foros de decisión, ademais de ofrecer formación, asesoramento e espazos de aprendizaxe mutua. Coa incorporación das novas organizacións, suma xa 34 entidades membro que superan conxuntamente as 90.000 persoas asociadas e as 25.000 persoas voluntarias.