Colombia sufriu recentemente un terremoto de grande magnitude, con graves consecuencias humanas e materiais en varias rexións do país. Dende a Plataforma Galega de Voluntariado queremos trasladar a nosa solidariedade coa poboación colombiana e coa comunidade colombiana que forma parte da nosa contorna aquí, en Galicia.
Cando a vontade de axudar é real, pero require canles adecuadas
Ante emerxencias coma esta, é habitual que xurda de forma inmediata o desexo de botar unha man. É unha reacción xenerosa e comprensible, propia dunha sociedade solidaria coma a nosa. Pero para que esa vontade se traduza en axuda realmente eficaz, convén ter presentes algunhas cuestións:
- A axuda máis eficaz, neste momento, non pasa por desprazamento de persoas voluntarias ao terreo. As organizacións humanitarias con presenza en Colombia están a traballar con persoal experimentado e formado especificamente en emerxencias, en coordinación coas súas contrapartes locais.
- O apoio económico ás organizacións que xa están sobre o terreo adoita ser a forma máis directa e eficaz de contribuír, xa que permite adquirir recursos adaptados ás necesidades reais e, moitas veces, mercalos no propio país ou en países próximos, reforzando así a economía local.
- A emerxencia non remata coas primeiras semanas de noticias. As necesidades desta poboación van manterse no tempo, así que calquera forma de apoio —agora ou nas vindeiras semanas e meses— segue a ser válida e necesaria.
- En moitas localidades galegas hai asociacións de persoas migrantes vinculadas a Colombia. Contactar con elas e preguntarlles que necesitan é tamén unha vía moi valiosa de apoio, próxima e cargada de sentido.
Onde informarse e como colaborar
Se es unha entidade, unha persoa voluntaria ou simplemente alguén que quere botar unha man e non sabe por onde empezar, recomendámosche contactar coa Coordinadora Galega de ONGD, que está a facer seguimento directo da emerxencia e pode orientarte sobre as organizacións que traballan sobre o terreo e as formas máis seguras e eficaces de colaborar.
Podes ampliar información na súa noticia: Terremoto en Colombia: a resposta inmediata e o apoio a longo prazo serán esenciais.
Dende a PGV seguiremos atentas á evolución da situación.




