ACTUALIDADE

Galicia constitúe a Plataforma Galega de Voluntariado: un fito histórico para o impulso da acción voluntaria na comunidade

·

2 minutos

POR

Logo da Plataforma Galega de Voluntariado

Un fito histórico para o terceiro sector galego

Coincidindo coa celebración do 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, faise pública a recente constitución da Plataforma Galega de Voluntariado (PGV), unha entidade que nace para representar, fortalecer e visibilizar o voluntariado en toda a comunidade autónoma.

A PGV foi oficialmente creada o pasado 3 de decembro, logo de que a antiga Plataforma Coruñesa de Voluntariado (PCV) aprobara na súa Asemblea Xeral Extraordinaria o cambio de ámbito e denominación para converterse nunha plataforma de carácter galego.

Unha rede diversa con presenza nas catro provincias

A nova plataforma está integrada por 22 entidades galegas de voluntariado, reflectindo a ampla diversidade do sector: acción social, educativo, xuvenil, comunitario, cooperación, protección civil, acción humanitaria, entre outros.

Entidades fundadoras procedentes da PCV:

  1. ACCEM
  2. ANAV Protección Civil
  3. ASDEGAL – Acción Solidaria de Galicia
  4. Asociación Boanoite
  5. Banco de Alimentos Rías Altas
  6. Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela
  7. Cruz Vermella
  8. Fundación Ayuda en Acción
  9. Fundación Entreculturas
  10. Manos Unidas
  11. Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña
  12. RedMadre Coruña
  13. Simbiose
  14. Tierra de Hombres
  15. Voluntariado Social Fonseca

Entidades que se incorporan na constitución da PGV:

  1. AFAGA Alzheimer
  2. Arquitectura Sen Fronteiras
  3. Asociación Ecos do Sur
  4. Asociación Sociocultural ASCM
  5. En Bici Sen Idade – Cycling Without Age Galicia
  6. Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia
  7. Fundación Eomaia

En conxunto, estas organizacións representan a milleiros de persoas voluntarias activas en todo o territorio galego.

Misión: reforzar, visibilizar e impulsar o voluntariado en Galicia

A Plataforma Galega de Voluntariado nace cun compromiso claro: converterse nun espazo de referencia autonómica para a coordinación, promoción e defensa da acción voluntaria.

Entre os seus obxectivos destacan:

  • Promover o voluntariado entre toda a cidadanía, especialmente na mocidade.
  • Facilitar o traballo en rede e o desenvolvemento de proxectos comúns entre entidades.
  • Actuar como interlocutora ante as administracións públicas.
  • Impulsar políticas, plans e marcos normativos que favorezan o voluntariado.
  • Garantir a calidade, ética e independencia da acción voluntaria.
  • Fomentar a igualdade de xénero en todo o ciclo do voluntariado.
  • Crear un espazo estable de aprendizaxe e intercambio de experiencias.

Un paso decisivo para Galicia

Desde a presidencia da PGV sinalouse que:

“A creación da PGV é un fito histórico para o voluntariado en Galicia. A unión destas entidades das catro provincias permítenos fortalecer o noso papel, defender intereses comúns e avanzar cara a unha acción voluntaria máis coordinada e transformadora. Era unha débeda coa nosa comunidade e un paso decisivo para o futuro do voluntariado galego.”